martes, 21 de abril de 2020

Contextualización histórica - 1

Boas de novo! Despois da breve introdución do noso ben e dos seus obxectivos, convidámosvos a seguir aprendendo a historia da Illa de Ons, pois ó igual que para nós, seguro que vos é de gran interese. Supón unha parte moi importante da historia e patrimonio galego, pois como vos mostraremos a continuación, foron un punto de atracción constante ó longo dos anos para milleiros de culturas e non só iso, senón que moitas das persoas da costa galega teñen raíces insulares. Estas son algunhas das razóns que nos levaron a facer esta unidade, pois resúltanos moi importante coñecer tanto o noso pasado como o do pobo.

A illa xa se atopaba habitada na Idade de Bronce, como se pode ver ao observar os numerosos achados de materiais desta época atopados por toda a súa superficie. Existen na illa dous castros, o de Castelo dos Mouros e o da Cova da Loba; un sepulcro antropomorfo e restos do que puido ser un mosteiro fai algúns anos.

No século primeiro xa temos a primeira noticia sobre a illa: Plinio o Vello cítaa na súa descrición da Península Ibérica como insua Aunios. As seguintes referencias datan do ano 899, na que foi doada ao Cabido Compostelán polos reis Afonso III o Magno, Ordoño II e Afonso V. No século XVI aparece a familia Montenegro como dona da illa, ao serlle cedida polo arcebispo Gaspar de Zuñiga Avellaneda, o que se pode comprobar polos documentos existentes no Museo de Pontevedra do foreiro pagador a Don Antonio Sarmiento Montenegro. Este asentamento viuse obrigado a fuxir a comezos do século XVII polas aterradoras incursións cara a costa dos corsarios norteños e piratas turcos. Con posterioridade foi pasada en herdanza ós descendentes de Montenegro, que gozaron da súa propiedade ata o ano 1810 cando a Xunta Provincial de Armamento e Defensa da provincia de Santiago ordena defender a entrada da Ría de Pontevedra. 
Despois dos conflitos entre a Igrexa e a nobreza pola súa posesión, esta saldouse a favor do Marqués de Valladares, o que permitiu a instalación dunha fábrica de salgadura nos arredores do peirao entre os anos 1835-1840. Isto produciu un cambio na economia da illa. Trala decadencia da salgadura en 1929, foi cando tomou un novo rumbo, sendo esta vendida a Manuel Riobó por 250.000 pesetas, quen formou nela unha Sociedade Mercantil dedicada ao secado e comercialización do polbo e congro. Ata o ano 1936 gozou dunha década de benestar e prosperidade, xa que o gran número de polbos e o dominio dos insulares na arte da pesca e da dorna converteunos no principal punto de referencia cando se fala deste cefalópodo nas Rías Baixas.
En 1936, co comezo da Guerra Civil, o entón dono da illa, Didio Riobó, foi buscado e perseguido polas súas ideas políticas. A causa desta persecución tomou a decisión de suicidarse, quedando os insulares dende ese momento nunha situación de abandono e incerteza sobre o seu futuro e as súas propiedades.

A Illa foi expropiada no ano 1940, polo Ministerio da Guerra, e foi pasando a través dos anos dun organismo a outro: Colonización, ICONA e Irida, ata que finalmente no ano 1984 foi transferida á Xunta de Galiza.
Hoxe constitúe un ben de dominio público, pero cunha situación veciñal aínda pendente de resolver.  Actualmente habitan na illa permanentemente soamente 4 persoas. Pódese afirmar, polo tanto, que a illa posúe maioritariamente unha poboación estacional, sendo moi baixo o número de veciños que permanecen nela todo o ano. A poboación de Ons pasa do medio millar durante o verán, e a isto hai que engadirlle os centos de visitantes diarios da illa e tamén os campistas que nela pernoctan.

Na seguinte entrada seguiremos falando da contextualización histórica, neste caso profundizaremos na poboación e na flora e na fauna.
Lémonos!

No hay comentarios:

Publicar un comentario